Poñentes e temas


1.- Ignacio Castro, Segredo popular.

Conciencia ante o mundo: individuo fronte á comunidade, Occidente fronte ó resto, Democracia contra barbarie. A nosa cultura tense militarizado no enfrontamento, a crítica, a separación. Fáltanos valor para a sabedoría popular, cintura e capacidade de xogo para o “carácter oracular das apariencias” (Berger), esa presencia bárbara dun obxecto que suspende por un momento o narcisismo idiota que nos conserva como suxeitos. Por motivos de saúde, debemos reinventar unha relación política co misterio do real, unha amizade común e pueril co seu abismo mortal. Temos demasiadas presas ilustradas por abandonar unha minoría de idade dende a que a infamia da historia sería vista como un xoguete necesario, que ha de ser derrubado nunha forma só para ser reemprazado por outra. Escoitando unha vella sabedoría, trátase de atrevernos a vivir outro tempo dentro da historia, un absoluto local interior da cronoloxía social. O que significa recuperar a violencia, o risco de vivir do que temos sido expropiados.

2.- Anxo Rabuñal, Saber profundo e lingua sagrada: Ulises e o canto das sereas.

O primeiro pecado foi querer saber, e por el todo nos custa esforzo. O segundo foi querer poñerse de acordo, e o castigo foi non entenderse. Un comentario sobre Ulises e a canción das sereas.

3.- Miguel Vázquez Freire, A voz de ninguén ou de como as teorías elitistas provocan máis problemas dos que pretenden resolver.

Son os tempos de crise ocasión para a aparición de teorías que tenden a descubrir no pasado certezas e solucións que nunca o foron. A constatación da decadencia do hoxe alimenta a saudosa melancolía dun onte idealizado. Por que a crise? Porque fallan as elites, porque xa non hai dirixentes coma antes. E cando a elite non ocupa o posto de mando, aparece “a masa”, a voz informe do pobo, a voz de ninguén, o caos. Son obvias as implicacións políticas desta tese (e sobre elas algo se dirá), mais a cuestión política –a cuestión do que debemos facer en tanto que cidadáns, máis a cuestión converxente de que institucións son as máis acaídas para ese quefacer- non vai ocupar o lugar central desta exposición. Aquí quero chamar a atención doutra cuestión –sen que isto implique presentala como absolutamente independente da cuestión política, mais si reivindicar a lexitimidade dun nivel autónomo de análise-, igualmente asociada á teoría das elites, que poderiamos formular así: pode a voz de ninguén, a voz do pobo, dicir algo no tocante ao mellor, ao máis excelente, no campo dos valores culturais? As teorías elitistas responden a esta pregunta cun claro non. A excelencia nas distintas modalidades das artes, como acontece coa excelencia na ciencia e na técnica, ou en calquera outro saber cultural, só pode ser obra de “expertos”, e estes por definición só poden estar constituídos por unha elite, nunca pola “masa”. Xustamente a actual degradación cultural (que se tería dado xa antes da crise e con independencia dela, por certo) viría provocada a causa da substitución do xuízo ilustrado do grupo de expertos, referendado pola academia (única instancia lexitimadora do discurso das elites), pola opinión desinformada do pobo, desa masa anónima que impón o gusto vulgar, desprovisto de calquera rigor intelectual. Pois ben, o que eu tratarei de probar aquí é que, no campo das artes (deixo á marxe o espazo particular dos saberes científico – técnicos), estas teorías elitistas, para poder fundamentar as súas teses, se ven obrigadas previamente a efectuar unha operación redutora, sen a cal, estas teses non se poderán soster. Dado que a tal redución, como tentarei amosar, require a previa afirmación da tese a probar, a fundamentación elitista da excelencia artística, e o menosprezo demófobo que a acompaña, encerran unha petición de principio que deixa en evidencia a febleza da súa estrutura argumental. Como o tempo dispoñible é limitado, exemplificarei as teses elitistas nun recente texto do escritor Mario Vargas Llosa, que me permitirá tomar en conta os de outros autores de maior ensulla filosófica (Ortega, T. S. Eliot, Georges Steiner) aos que aquel toma como apoio. Pola miña parte, requirirei ao meu favor en especial as palabras de, entre outros, Guy Debord, Pierre Bourdieu e Jacques Rancière, aínda que, é claro, só eu serei responsable da interpretación que aquí se lles dea. Paralelamente terei tamén en conta os discursos anticanónicos de  Edward Said e da crítica feminista e, por fin, confío en atopar igualmente os ecos desa voz de ninguén, que é a de todos, a do pobo (que non da “masa”) para que tamén ela fale.

4.- Rebeca Baceiredo, Clarice Lispector, lamber a lingua coa nada

Clarice Lispector expresa a súa relación coa escrita como un acontecemento, inesperado, provinte do Afora. Nesa experiencia escrita-acontecemento, nese pathos, a linguaxe racha as cadeas, rebenta a terra e devén instrumento grazas ao que ela se desfai como suxeito e pode así acadar a Nada, o lugar intensivo que a constitúe e a reclama, pousándose no seu corpo, para instala a abandonalo e despregarse no seu silente baleiro.

5.- Pablo Seoane. Defensa do viño como anxo exterminador.

Onde se abordan as vixentes miserias da épica e, portanto, de certa metafísica, así como algunha das consecuencias que no ámbito do discurso se derivan delas; e encarécense, finalmente, os beneficios que ao planeta reportaría un uso mais frecuente do subxuntivo.

6.- Carlos Lema, Louvanza do pensar escuro

Trataríase de partir da metafórica da luz para dar co dispositivo discursivo que a converte no medio de fixación da verdade transcendente. Desde o caos como abertura, na que non hai orde nin desorde e tampouco luz nin sombra, á luz do deus cristián e, como consecuencia desta, ao culto da Razón, á Ilustración ou Século das Luces. Desde a dogmática da “doutrina das Ideas”, que converte o mundano en algo sen consistencia, ás sombras da caverna que a relixión e a ciencia queren escorrentar por transitorias.

Trataríase de facer un eloxio da sombra para non a perder, como lle acontecía a Peter Pan. Contrarrestar a vontade de verdade dos enunciados coa febleza e transitoriedade do sombrío. Son as sombras, é o escuro o que se ve invadido polo poder da luz. Os enunciados e a súa clareza —a evidencia do fáctico— impoñen a súa forza perante a dilación da retórica digresiva, do deixar tras dun veo escuro mais non opaco a presenza da verdade para que esa presenza non sexa cegadora. Para que non se impoña e nos someta. A digresión protexe, o digresivo é a veladura do progreso; sen ela, o técnico achanza toda presenza, presenza que é irredutible precisamente porque xace no mundano sombrío, sen que a luz a desvele totalmente. E a presenza non é outra cousa máis ca o pensar, o lógos que dá consistencia ao mundo.

7.- Márcio-André Teu corpo é túa alma; e outras formas de incorporacións

O corpo como espazo escénico para a realización de todos os tempos e espazos, realizando en si mesmo a total indiferenciación entre real e ficción (consecuentemente, entre vida e arte), para materializalos no que o home comprende por destino.

8.- Carlos Quiroga, Pensamento e/ou futilidade da Poesía

Existindo muitos equívocos populares e até académicos sobre o que se entenda por Poesia, pretende-se abordar o espaço de pensamento que nalgumas Literaturas se pratica privilegiadamente no campo da Poesia. Uma dessas Literaturas é historicamente a lusitana. A tentativa implica entrar no mesmo conceito do poético e na suas práticas, profundas e superficiais, assim como nalguns exemplos de correntes, movimentos e autores que ilustram o Cantar desta modalidade de língua que é vista geralmente como Escuro, mas que a outra luz pode ser bem Claro e aproximar-se de um entendimento mais comum.

9.- Almudena Otero Villena, Do abandono á non diferenza: a verdade do mestre Eckhart

Nos seus sermóns Eckhart parte dunha frase bíblica que interpreta case sempre dun xeito sorprendente, como se nos quixese amosar que hai algo máis detrás do que se ve nunha primeira ollada. Elabora así un discurso cheo de paradoxos e xogos lingüísticos, no que vai sacando á luz as contradicións que se encerran dentro dos conceptos que consideramos absolutos ou dos comportamentos que semellan indiscutibles. Este discurso pretende ser en si mesmo unha “experiencia” que leve ata a morte mística, unha experiencia que se realiza na linguaxe, pero que conduce ao ouvinte ata os seus límites, nun proceso de abandono de todas as súas seguridades. Deste xeito guíasenos cara unha nova realidade, a realidade da non-diferenza, cara unha verdade que se identifica co nacemento de Deus en nós (a transformación en Deus). Unha verdade que xa non existe na linguaxe, que é nada, porque, paradoxalmente, implica unha renuncia a Deus e unha renuncia á palabra.

10.- Ania González. A linguaxe; ese burato negro hipermasivo.

Supón o saber (popular ou privado) outra cousa cunha relación de poder? É posible unha distinción clara entre unha sabedoría popular libre de todo progreso e un saber filosófico ou poético en tanto saberes técnicos? Difiren a sabedoría popular e a sabedoría privada en esencia ou en posición? É o non saber no senso de non posuir unha linguaxe técnica e privatizada un estadio previo ou inferior ao saber? Como se estetiza algo que é en si estético? É a oscuridade menos luminosa ca claridade?

A linguaxe, ese burato negro hipermasivo, pretende botar algo de luz sobre estas e algunhas outras cuestións en torno á relación, posible, entre a sabedoría popular e os saberes filosófico e poético a través dun estraño percorrido enchido de conexións improbables.

11.- Javier Gómez,  O espello da palabra: diálogo e autocoñecemento.

A condición humana vén estando caracterizada por un estado de fragmentación xeral. Tanto as estruturas da organización colectiva -nacións, relixións, ideoloxías, sociedades, clases, razas, etc.- como as relacións interpersoais están marcadas pola división e o conflito. Mesmo dentro do chamado “individuo” esa condición de fragmentación persiste entre varios aspectos do ser e entre distintas capas da concincia e demais. Tanto o testemuño histórico como a nosa propia vivencia confirman este estado xeralizado de fragmentación e incoherencia. Toda persoa un tanto sensible tense preguntado sobre o por qué deste fenómeno. Nesta ponencia ou presentación imos explorar a proposta de diálogo de David Bohm. Esta proposta esencialmente plantexa que a comunicación é un dos espazos nos que se manifesta esta fragmentación e incoherencia e que tamén nela é onde a podemos abordar directamente, pois a incoherencia fundamental está na nosa forma de pensar e sentir, no sistema de conceptos e crenzas cos que nos identificamos e dos que nin sequera nos damos conta. Estes sistemas de ideas, valores e demais forman os alicerces inconscientes do noso pensar e sentir e fan que os nosos sentimentos e pensamentos funcionen de maneira reflexa, mecánica. O diálogo proponse como un ámbito e práctica nos que a palabra serve de espello do contido e estrutura do noso pensamento-sentimento e, polo tanto, como un medio no que espertar a “propiocepción”, ou sexa a autoconciencia, que é a base do autocoñecemento, que é a vía da integridade interior e nas nosas relacións.

12.- Juan Carlos Meana. O lugar da obra.

Non atopamos o lugar axeitado da obra, retirámola da vida real aos museos na súa funcionalidade simbólica, nunha modernidade que non fixo senón crear distancias. Agora pretendemos a súa posta en circulación potenciando a experiencia sobre a mesma, o que procurou a súa disolución no espacio e na propia vida.

13. – Encarna Rodríguez Bermúdez. Da intuición.

Todos sabemos o que é a intuición ainda que nos coste outorgarlle unhas palabras para definila. Falamos entón desas ideas sentidas, máis ca pensadas. Adentrarnos no fluir do coñecemento inconsciente, sentir as emocións e  sensacions fisicas nos nosos corpos, son alguns indicios para recoñecela. Esta outra forma de coñecemento non lóxico-racional adquirese en gran parte na interacción co medio. Hoxe en día realidade, virtualidade e fantasía conxúganse coma un todo, un sobre-exceso de información que máis ca aportarnos datos ao coñecemento, nos adormece os sentidos como forma de defensa. Racapitulemos pois en aras dun espertar colectivo.
Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s