Filosofía para veraneantes III (2018)

Conversas completas aquí ——->>> FPV_2018

Corcubión, 30 de xullo a 3 de agosto

Capela do Pilar, 20 horas

Chega o verán, chegan os veraneantes, chega a Filosofía a Corcubión. Por terceiro ano consecutivo, todos e todas estades convidados a acudir á Capela do Pilar para compartir xuntos algunhas cuestións que merecen ser pensadas.

Nesta ocasión os e as encargados de abrir o espazo para a reflexión e provocar o debate son, o luns 30 de xullo, o activista cultural e ecoloxista Manuel Amigo, co tema O espazo e o común: reconstruíndo resiliencia; o martes día 31 será a xornalista de RTVG, correspondente en Bruxelas, Sabela Romar Pais, quen abra a sesión sobre Como constrúen os seus relatos os medios de comunicación; xa en agosto iniciarán o debate, o mércores día 1, Eva Garea Traba e Miguel Vázquez Freire, co tema A filosofía e a ética do amor, e o xoves 2 Ricardo Rodríguez de Rávena convocaranos a reflexionar Por unha política do común en tempos de privatizacións, todos eles son membros do Grupo Nexos de Didáctica da Filosofía; por fin, o venres 3 pecharemos coa intervención de María Bella, doutora en coñecemento curatorial, que contará tamén coa contribución do fotógrafo Manuel Sendón e o poeta Miro Villar para explorar algúns dos imaxinarios dende os que Andar as crebas: por unha estética da existencia.

Son os nosos tempos veloces, asolagados de estímulos múltiples que nos reclaman de maneira incesante e mesmo agresiva, nos que o tempo demorado da reflexión se está a converter nun ben escaso. Contra esa velocidade abafante do inmediato, Filosofía para Veraneantes propón un tempo e un espazo para achegármonos ao importante: atreverse a pensar por un mesmo.

.

.

SESIÓN 1

Luns 30 de xullo

O espazo e o común: reconstruíndo resiliencia

Relator: MANUEL AMIGO

Na xornada 1 Manuel Amigo , membro de https://www.vesperadenada.org/ falará sobre o decisivo momento histórico que estamos a vivir, exporá o patético escenario ao que estamos abocados se non levamos a cabo unha revolución  que permita recuperar o ser humano e o medio ambiente , revolución que ten que pasar inexorablemente por unha autoconstrucción do suxeito que incluia dende recuperar a ética o auto-sustento.

Falará da absoluta necesidade de recuperar o rural, de innovar la procura de reforzar o local, de implementar as monedas sociais www.costavales.com como ferramentas fenomenales para conquerir ese obxectivo, da adopción da permacultura e a recuperación de xeitos e saberes antigos de producción e manufactura de alimentos.

.

.

SESIÓN 2

Martes 31 de xullo

Como constrúen os seus relatos os medios de comunicación

Relatora: SABELA ROMAR PAIS

A ponencia será, esencialmente, debate, discusión, pregunta permanente, interrogante contínuo que é, en esencia, o que vencella o xornalismo coa filosofía, como disciplinas, ambas, que cuestionan todo o que nos rodea.

Así as cousas, preguntemos, poñamos en cuestión a cuestión.

¿Quén manexa o teu mando a distancia?

Esparexidos no sofá facemos zapping compulsivamente. Cos dedos dunha  man, a máis desganada, prememos os botóns do mando a distancia. Na outra man temos o móbil. O zapping, a dúas mans, é mecánico, constante, rutinario.  A nosa capacidade para a sorpresa está acabada. Pero non queremos perder a esperanza. Seguimos premendo, seguimos buscando. A busca é mutua. O espectador quere gozar, o medio quere enchelo de gozo. Pero non está claro quen ten o control real. Quen mira ¿busca ética, moral? ¿queren os medios fomentar o espíritu crítico? É lícito rir vendo as desgracias alleas, por exemplo, que outro se encargou de guionizar e enlatar nun programa en horario de máxima audiencia? ¿Busca o espectador a verdade? ¿Busca algo… ou, simplemente, atopa e acepta?

.

.

SESIÓN 3

Mércores 1 de agosto

A filosofía e a ética do amor

Relatores:

EVA GAREA TRABA e MIGUEL VÁZQUEZ FREIRE

No amor, todo está permitido? Pero que é iso ao que chamamos amor? Non é certo que o aparente triunfo do “amor romántico” ten máis implicacións negativas ca positivas para a expresión emancipada e igualitaria das relacións afectivas? E se o amor fose tan só un fenómeno químico pasaxeiro? Moitas preguntas, non se garanten respostas.

.

.

SESIÓN 4

Xoves 2 de agosto

Por unha política do común en tempos de privatizacións

Relator: RICARDO RODRÍGUEZ DE RÁVENA

Podo anticipar que o meu relatorio non irá nin de política nin de fútbol nin de -ismo ningún. Tampouco non será un relatorio. Pouco máis podo engadir ao respecto, tirante a pretensión de entre todos procurarmos na fuxidía natureza do común.

esto-no-es-una-pipa

.

.

SESIÓN 5

Venres 3 de agosto

Andar ás crebas: Por unha estética da existencia

Relatora: MARÍA BELLA

Coa proxección da serie fotográfica Crebas

de MANUEL SENDÓN, comentadas polo autor,

e recital de poesía de MIRO VILLAR

Nesta sección ofreceranse tres imaxinarios sobre as crebas suscitados dende o pensamento, dende a imaxe e dende a palabra poética. Unha sorte de percorridos singulares que profundizarán nun elemento particular da nosa xeografía costeira para espertar a súa potencia dende unha pluralidade de materializacións. Saberse tamén dende a arte cargados de recursos posibilitadores cos que poder poñer a intención sobre o que nos é urxente.

“Ser Crebeira” por María Bella

http://www.accesos.info/ser-crebeira.-been-crebeira.-mar%C3%ADa-bella.html

Sobre CREBAS de Manuel Sendón:

Escoito e escoitei moitas historias fascinantes de obxectos traídos polo mar, unhas simpáticas e outras tráxicas. O mar cuberto de laranxas até cambiar de cor, mariñeiros que colleron nas súas redes champaña francés, praias poboadas de capachos multicolores (máis propias dunha instalación que dun fenómeno natural), televisores que ao prendelos estoupaba, mulleres con impresoras na cabeza, como noutrora se levaban as sellas… Pero tamén barcos de grandes dimensións encaixados en areais aos que o mar normalmente non chega e praias con mortos traídos polas correntes e as mareas, sen esquecer as paisaxes apocalípticas do Prestige e da evacuación do Casón.

A dureza do mar e as características físicas da costa deron lugar a sucesos sorprendentes. Pero é moito máis sorprendente, sen dúbida, a forma en que son vividos e, sobre todo, na que son relatados posteriormente.

Resulta imposíbel reducir ese mundo a un conxunto de fotografías, polo que estas imaxes non pretenden describir as crebas, que é como lles chaman os que andan na súa pescuda pola ribeira, senón suxerir. Un intento por achegarse ao potente imaxinario do mar que existe na Costa da Morte.

https://manuelsendon.wordpress.com/series/2009-crebas/

Bitácora de Miro Villar

http://crebas.gal/

 

cartel