Filosofía para veraneantes VI (2021). Estar coa paisaxe.

Deseño: Andrés López Estudio. Imaxe: Jonna Kina & AV-arkki, Centre for Finnish Media Art.

VI ENCONTRO DE FILOSOFÍA PARA VERANEANTES

Estar coa paisaxe

VI Encontros de Filosofía para veraneantes

3 ao 7 de agosto en Corcubión, 20h

Xardíns do peirao e Capela do Pilar

Filosofía para veraneantes é un programa de pensamento que se desenvolve durante unha semana do verán na vila Corcubionesa da Costa da Morte. Xorde ao abeiro da liña de traballo filosófica practicada durante anos pola Asociación Cultural Universidade Cromática das Virtudes á que tenta dar continuidade. Este programa enténdese situado e por iso sinala dende o principio a súa pronunciada intencionalidade de incorporar a pegada filosófica no contexto máis próximo e cotián desexando convertila en ferramenta que acompañe o ollar da vida da comunidade.

Este ano dedicamos os encontros á paisaxe e facémolo como o nome pretende suxerir, invitándonos a “estar coa paisaxe” tentando aproximarnos a un estar “verdadeiramente presentes”. Un xeito de estar, facendo eco de pensadoras como Donna Haraway, que non renuncie ou escape á intensidade nin á complexidade de habitar o presente responsablemente. A nosa proposta deste ano será facilitar un conxunto de acompañamentos multienfoque cos que (re)descubrirnos xuntas nocións da paisaxe tan fermosas como urxentes ou resilientes.

Nota: En caso de choiva ou vento a actividade celebrarase na Capela do Pilar cun aforo de 30 persoas. Para reservar escribe a mariabellabuschmann@gmail.com

Acompañamento I

3 de agosto, 20h

“Gloria nocturna da paisaxe” por Federico López Silvestre

O meu ollo condensa e o meu concepto resume. Tan é así que toda percepción conleva esquecemento e toda concepción renuncia. Fronte a iso, se hai paisaxe é pola intuición de impotencia diante do exceso que as veces me invade, isto é, porque o mundo é máis, moito máis, do que o meu corpo e o meu concepto asumen.

– Whitehead, Alfred N.:Proceso y realidad, trad. Miguel Candel, Atalanta, 2021.

– Bataille, Georges:La experiencia interior seguida de Método de meditación, trad. FernandoSavater, Taurus, 1973

“Topografía sentimental: Mapa das paisaxes na novela ‘Coidadora’” por Maria Marco

A miña novela é unha tentativa de escapada. A protagonista fuxe da realidade percorrendo diversos paisaxes aos que chega introducíndose por covas, túneles e conductos subterráneos, xa que como todo o mundo sabe, a Terra esta completamente esfuracada e interconectada e é habitable no seu interior.

A través do recurso da catábasis literaria, do descendimiento ao mundo das sombras e o posterior ascenso (anábasis) cunha intención soteriolóxica —a de lograr a catarse individual—, a novela transita por paisaxes moi diversos como a cidade de Prípiat, as redes de fungos subterráneas, unha escultura do artista Anish Kapoor, o mosteiro da Visitación das Salesas Reais en Vigo ou o buraco mais profundo que o ser humano escavou na Terra na óblast de Múmansk en Rusia.

Acompañamento II

4 de agosto, 20h

“Fundamentos da ética ecolóxica no marco da OOO” por Brais Arribas

A ética ecolóxica ten como postulado fundamental a praxe do coidado, o cal se estende máis aló de min, máis aló do nós, máis aló do humano. Un coidado, por tanto, que vai alén do eu e que non é antropocéntrico, nin especista, senón que atende á alteridade, ao outro, ao que é estraño e énos estraño. Unha ética ecolóxica debe, por tanto, (a) ser crítica co antropocentrismo e (b) recoñecer a diferencia e estrañeza dos obxectos. Para cumprir ambas condicións é necesario partir dunha ontoloxía como a que propón a Ontoloxía Orientada a Obxectos, que sexa plana e que recoñeza a existencia de entidades que son estrañas, na medida en que nunca comparecen de todo (nin sequera ante elas mesmas) e que están sempre en retirada, dándose pero permanecendo parcialmente ocultas.

– Bryant, Levi:The democracy of objects. Michigan: Open Humanities Press, 2011.

– Harman, Graham:Además opino que el materialismo debe ser destruido. México D.F.: COCOM,2013.

El objeto cuádruple: una metafísica de las cosas después de Heidegger. Barcelona: Anthropos, 2016.

Object-Oriented Ontology: A New Theory of Everything. London: Penguin Random House,2018.

– Morton, Timothy:Hyperobjects: Philosophy and Ecology after the End of the World.Minneapolis: University of Minnesota Press, 2013.

El pensamiento ecológico. Barcelona: Paidós, 2018.

Ecología Oscura: sobre la coexistencia futura. Barcelona: Paidós, 2019.

“Como a auga na pedra. Os petróglifos de José Meijón e a paisaxe dos artistas naïf” por Germán Labrador

José Meijón foi un personaxe inesquecible da vila de Marín (en Pontevedra) e, ao tempo, unha figura totalmente esquecida, un home –¿un artista? ¿un tolo?– que andou durante catro décadas traballando as pedras da súa contorna, inscribindo nelas voces e palabras antigas. A súa arte foi un longo mudo berro contra a violencia e a inxustiza modernas, un estraño canto pola memoria en silencio. Tamén unha oración para un mundo que morría, o dos oficios e as formas de vida tradicionais, que se estendía até o tempo dos castros e dos vellos canteiros do neolítico. Algo hai na arte de Meijón que nos fala aínda poderosamente dese lugar entre tempos e mundos que aínda nós habitamos. O seu raro facer –como o de outros artistas inocentes como Arturo Baltar ou Manuel Lema Otero– fai como a auga na pedra e advirte, sobre a paisaxe da cultura, de feridas e permanencias, dos lugares que ocupamos, do paso do tempo e da posibilidade de seguir vivindo nel.

Acompañamento III

5 de agosto, 20h

“Unha estética da continxencia? Natureza, paisaxe e cultura no Antropoceno” por Roberto Abuín

A preocupación heideggeriana pola temporalidade faille percibir ao filósofo Tetsuro Watsuji a necesidade de pensar a espacialidade. Nese senso, o xesto espacial que define o ser dun eido, a súa cerna ontolóxica, pode ser reflectido desde o xesto do pintor que traza o yi (tensión-intencionalidade), no dicir dos antigos letrados chineses. O espazo produce unha dinámica xestual que interpela constante e comunicacionalmente. De visión semellante eran os pensadores ligados á Xeración Nós, nomeadamente Otero Pedrayo, quen con tanta fondura traballaría unha teoría da paisaxe, incardinada na idea de que a natureza devala: a natureza desprégase nunha duración perpetua e metamorfoseante, produtora incesante de formas. Secasí, o xesto das realidades naturais captado sentimental ou intuitivamente abre unha paisaxe entendida como meseta de intensidade que cifra un instante estético. No Antropoceno a pregunta pola natureza no seu advir eido resoante, en diálogo co ánthropos, ha de ser pensada de novo. Só dese xeito se poderá habitar unha natureza que non é propiedade nosa. Só así a paisaxe retorna á esfera da continxencia radical da que brotou como experiencia estética fundante do animal humano.

– Haraway, Donna:Staying with the Trouble. Making Kin in the Chthulucene, Duke UniversityPress, Durham, 2016.

– Latour, Bruno:Face à Gaïa: Huit conférences sur le Nouveau Régime Climatique, LaDécouverte, París, 2015.

– Otero Pedrayo, Ramón:Sereno e grave gozo. Ensaios sobre a paisaxe, Galaxia, Vigo, 1999.

– Tuan, Yi-Fu:Topofilias. Un estudio sobre percepciones, actitudes y valores medioambientales,Melusina, 2008.

– Watsuji, Tetsuro:Antropología del paisaje. Climas, culturas y religiones, Sígueme, Salamanca,2006.

“O imaxinario social dos incendios forestais en Galicia” por Elvira Santiago Gómez

Neste acompañamento proponse unha reflexión sobre a construcción cultural da problemática dos incendios forestais en Galicia e ábrese un debate orientado ao deseño de mecanismos para a súa mitigación. Os incendios forestais constitúen unha das principais ameazas ambientais nos países do sur de Europa ao provocar graves danos ecolóxicos, económicos e políticos. Na loita contra estes desastres a Comunidade Internacional deseña plans de acción como é o caso do actual marco Sendai (2015-2030) no que se recoñece a necesidade de incorporar o coñecemento baseado na experiencia para a elaboración das políticas públicas e dos plans de prevención, xestión e recuperación dos desastres ambientais. No proxecto de investigación MITIGACT traballamos desde unha perspectiva local para analizar como os lumes inciden na nosa configuración da paisaxe e na nosa relación coa natureza. A través das entrevistas realizadas con veciñas e veciños, enxeñeiros forestais, brigadistas, activistas e técnicos da administración en Galicia tratamos de identificar colectivamente as múltiples causas dos indendios forestais e as posibles estratexias para a súa prevención.

Acompañamento IV

6 de agosto, 20h

“A paisaxe, a árbore e o artesán” por Frank Buschmann

Envexamos a paisaxe porque é capaz de estenderse con infinita paciencia cara ao máis aló ata lugares aos que non podemos acceder se non somos, nós mesmos, paisaxe. Estes lugares están reservados para os que deixan corpo e consciencia atrás. Somos paisaxe antes de nacer e despois de morrer. Entremedio somos paisaxistas. E como paisaxistas, en resposta ás nosas limitacións, posicionámonos omnipresentemente no centro de todo, transformándonos en mestres de crear paisaxes exclusivas, sen nubes, sen insectos e sen nós mesmos. Dicíame hai tempo un home sabio “hai que rodearse de xente que sabe máis que un”. As súas palabras indicábanme que hai que enterrar o ego, saír do centro e escoitar. Agora como ebanista, artesán, artista e paisaxista escoito á árbore, esa figura “sabia” que, antes de converterse en madeira, conecta o ceo coa terra. Quen sabe se, escoitando, quizais me converta un pouco en paisaxe antes de morrer.

“Paisanaxes: Intervencións nos territorios habitados polo ser humano. Entre a tradición e a contradición” por Arturo Franco

Unha viaxe a través do mundo e de distintos momentos da historia que recolle lugares comúns e preocupacións recorrentes no noso traballo. Unha mirada cara ao territorio que se apoia na tradición para expor unha postura que convive coas contradicións. Necesítaas. Cuéstionase a tradición mediante a súa aceptación e negación constante.O descubrimento dos espazos, o material, os sistemas, o erro, o equilibrio e a gravidade, o proceso e os estados intermedios, a sustentabilidade de toda a vida, a pegada no territorio e outros moitos temas trataranse desde o meu traballo pero sobre todo desde o traballo doutros ou simplemente a través de situacións atopadas ou descubertas ao longo destes anos…se hai tempo e o ambiente o propicia podo ler un relato ilustrado sobre o monte Pindo. Unha intensa historia de amor entre unha pedra, unha ortiga e unha cabra.

Acompañamento V

7 de agosto, 20h

“Non máis postais. Pos-paisaxes desde o ceo” por Maria Morata

Este acompañamento audiovisual propón unha reflexión ao redor da disolución dos límites entre cultura e natureza. A paisaxe entendida como a visión e contemplación da natureza sobreentende un observador exclusivamente humano e un espazo sublime, case inmaculado de refuxio e evasión. Con todo, múltiples axentes moldean os territorios (biolóxicos, químicos, industriais) que se superpoñen ao natural, aféctano, transfórmano e en moitos casos simplemente consúmeno sen atender a unha relación sostible co mesmo. A pegada do factor humano foi transformando as superficies terrestres que habitamos de maneira radical. Unha resignificación da natureza é necesaria, así como unha reconsideración do concepto de paisaxe e das súas representacións. Ao intrínseco aspecto cultural do mesmo hai que engadir o aspecto industrial e de voraz consumo ligado ao sistema neoliberal capitalista. As obras do programa pretenden redescubrir a materialidade da paisaxe na era do Antropoceno atendendo ao sublime, a explotación agraria e o extractivismo xeolóxico.

Programa (Duración: 45 minutos)

Imperial Valley (cultivated run-off), (Val Imperial, escorrentía cultivada) Lukas Marxt, Austria, 2018, 14 min

Like Eyes, like a Mouth, like Birds, like the Sun (Como ollos, como boca, como paxaros, como o sol) Lyoudmila Milanova, 2020, Bulgaria / Alemania, 16 min

Somnivm Jonna Kina, 2018, Finlandia, Italia, Reino Unido, 13 min

Quen son xs relatores

Federico López Silvestre é profesor de Estética e Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela (USC), impartiu clases en másters da Universidade Autónoma de Barcelona, Universidade de Sevilla e das Illas Baleares, a Pompeu Fabra, a Universidade de Cádiz e a HEPIA de Xenebra, e participou en congresos e seminarios en Europa, América e Oceanía. Dirixe o proxecto “Establishment of a Yucatan-Cuba Network in Contemporary Art and Cultural Management” da EACEA (Bruxelas) e o proxecto “Paisajes y arquitecturas del error. Contra-historia del paisaje en la Europa latina (1945-2020)” do MICINN (Madrid). Co-dirixiu con Javier Maderuelo e Joan Nogué a colección «Paisaje y teoría» da editorial Biblioteca Nueva (Madrid) ata a súa clausura, así como o «Máster de Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas» da USC (2007-2012) e a colección «Vita aesthetica» da editorial Díaz & Pons (Madrid). É autor de los libros: El paisaje virtual (2004), Os límites da paisaxe (2008), A emerxencia da paisaxe (2009), Micrologías (2012), Los pájaros y el fantasma (2013) e Culos inquietos, infinitos asientos (2018). Foi colaborador de «El Estado Mental».

María Marco é escritora, crítica, investigadora e comisaria independente de arte contemporánea. Licenciada en Humanidades e doutora sobresaínte cum laude en Belas Artes pola Universidade de Vigo cunha tese sobre o retorno da textualidade na práctica artística contemporánea. XXXVII Premio Xeráis de Novela (2020) con Coidadora. En decembro de 2019 recibe o II Premio de Investigación e Ensaio sobre Arte Contemporánea do Centro Galego da Arte Contemporánea (CGAC) con Tigres en magnolias. A maxia como transformación na arte contemporánea. Colabora desde 2014 no suplemento “El Cultural” do xornal El Mundo cubrindo a área de arte contemporánea en Galicia ademais de escribir para diferentes plataformas editoriais ás que se uniu recentemente e coas que colabora de maneira habitual, como DotMagazine ou a revista mensual Tempos Novos.

Brais Arribas é doutor en Filosofía pola UNED e Profesor de Ensino Secundario e investigador da Cátedra Internacional de Hermenéutica Crítica (Hercritia). Formou parte do colectivo de pensamento Proxecto Derriba, onde desenvolveu unha tarefa investigadora centrada na ontoloxía hermenéutica e no marxismo máis heterodoxo. Entre as súas publicacións destacan Outro xeito de Ser (Estaleiro, 2010), Postmodernidad (xunto a Teresa Oñate, Batiscafo, 2015), Reduciendo la violencia: la hermenéutica nihilista de Gianni Vattimo (Dykinson, 2016), Sobre a eutanásia (Através, 2018) e Vir a menos. Crítica da razón nihilista (Axóuxere, 2019). O seu último libro é Transhumanismo. Antropotecnias e tecnociencias, publicado o pasado xuño en Euseino? Ten colaborado ademais en diversos libros colectivos e revistas especializadas.

Germán Labrador Méndez é catedrático no Departamento de Español e Portugués da Universidade de Princeton. Interésase pola relación entre cultura e política, historia e memoria, arte e cidadanía. Ten escrito sobre a transición española e a democracia que aínda non temos en libros como Culpables por la Literatura. Imaginación política y contracultura en la transición española (1968-1986) (Akal, 2017). Colabora como asesor do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid e foi un dos comisarios da exposición Poéticas de la democracia. Imágenes y contra-imágenes de la transición española (2018-2020). Forma parte da asociación cultural Unha Gran Burla Negra.

Roberto Abuín é filósofo, escritor e editor. Estudou Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela e Antropoloxía na Universidad de la Tierra en Oaxaca (México), institución crítica fundada polo intelectual “desprofesionalizado” Gustavo Esteva, inspirado polo pensamento de Iván Illich. Tamén estudou Teoloxía no Instituto Teolóxico Compostelán. Ten publicado varios ensaios e obras literarias en revistas diversas, e colaborado en proxectos de teoría e mediación político-cultural en varias partes de Europa e América. Como editor, foi un dos fundadores e coordinador editorial da editora mexicana Almadía, e é un dos fundadores e actual editor de Axóuxere Editora, editora galega especializada en pensamento contemporáneo, filosofía e outras literaturas. Coordina a residencia de pensadoras/es e escritoras/es de Axóuxere na aldea de Brión (parroquia de Leiro, Rianxo), por onde teñen pasado pensadoras/es e escritoras/es de moi diversas procedencias. Ten publicado, entre outras obras, Orfeo canta. Iniciación, signo & retorno (2018), Ogham ou arredor da escrita (2017) e Todo ser humano é un artista (2020).

Elvira Santiago Gómez é Profesora Axudante Doutora na Facultade de Socioloxía da Universidade de Coruña e membro do Laboratorio de Análise e Prospectiva Sociopolítica (LAPSO). A súa área de especialización son os estudos de ciencia, tecnoloxía e sociedade (STS) e a súa investigación aborda a xestión de riscos ambientais, a avaliación de novas tecnoloxías e a participación na toma de decisións controvertidas. En concreto, a súa investigación centrouse na análise de controversias sociotécnicas e xestión de riscos relacionados con perigos naturais, así como na coprodución de políticas de seguridade na UE. Actualmente dirixe o proxecto do Plan Nacional de I + D MitigACT, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, o seu principal obxectivo é avanzar na resiliencia ante os desastres naturais. Os resultados do seu traballo de investigación publicáronse nas revistas Governance, Public Understanding of Science e International Journal on Sustainability in Higher Education.

Frank Buschmann formouse como creador, deseñador industrial e ebanista e desde hai unha década desenvolve o seu proxecto e taller Woodworks Buschmann Bella no que introduce nocións propias da práctica artística e do pensar filosófico. De orixe alemá pasou a súa infancia entre Sudáfrica e Nixeria, a súa adolescencia e formación entre Alemaña e Holanda. Traballa case sempre de xeito independente e vinculado a proxectos que empuxan os límites establecidos. Despois dun extenso percorrido influído nos inicios pola ebanistería, logo polo deseño, a xestión cultural, a arte, a cooperación, etc., volveu á madeira coa intención de defender unha formulación pura e de grande esixencia na que interpreta a artesania como medio para construír futuro máis aló do obxecto. Foi galardoado co premio Artesania de Galicia 2019 e co premio Antonio Fraguas Fraguas de artesanía 2020. No ámbito da formación imparte talleres en Universidades como a Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid e da Coruña ou no Compostela Arquitechture Institute así como en centros de formación de Artes e Oficios.

Arturo Franco actualmente é profesor do Departamento de Proxectos Arquitectónicos da ETSAM. Profesor invitado en numerosas universidades internacionais, director e editor da revista rita_ asociada ás Escolas de Arquitectura de España e Iberoamérica, e da plataforma dixital redfundamentos. Nomeado ao premio Nacional de Arquitectura en 2015 a súa obra recoñécese cumpridamente dentro e fóra de España. As súas obras máis destacadas, entre as que se inclúen as distintas intervencións no antigo Matadero de Madrid, servíronlle para ser seleccionado entre os arquitectos españois con maior proxección polo diario El País, a Fundación Caja de Arquitectos, o Ministerio de Fomento, A+Ou, Architectural Digest, ou 2G. Autor entre outros dos libros Hablan los arquitectos.¿Una escuela de Madrid? editado por Deseño coa colaboración da ETSAM e UPM e Sin prejuicios editado pola Fundación Caja de Arquitectos. Destaca tamén o seu labor como crítico de arquitectura no diario ABC e a súa dirección (2008-2012) na revísta Arquitectura COAM, do Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid coa que obtivo o primeiro premio na BIAU de Rosario.

María Morata é comisaria independente, investigadora e docente. Ten comisariado proxectos artísticos e programas audiovisuais para distintos museos, festivais e institucións artísticas (Arsenal- Institut for Film and Videoart, Berlin, CCCB, MACBA e Centre Ars Santa Mònica en Barcelona: Steirischer Herbst, Graz, Impakt Festival, Utrecht; Intermediae Matadoiro, A Casa Acesa en Madrid e Centre do Carme Cultura Contemporánia, Valencia, entre outros). Imparte clases sobre cinema e videoarte en diferentes Universidades. Membro do comité de selección de curtametraxes para diversos festivais: Festival Internacional de Berlín- Berlinale Shorts, Dok Leipzig e Kasseler DokFest. As súas áreas de especialización son o cinema experimental e as prácticas audiovisuais contemporáneas. Actualmente o seu ámbito de investigación céntrase na relación das tecnoloxías dos medios cos axentes humanos e non-humanos no contexto teórico da crítica do antropocentrismo e colabora en varios proxectos co Instituto de Estudos Postnaturales en Madrid. Vive e traballa en Berlín.

Deseño: Andrés López Estudio. Imaxe: Jonna Kina & AV-arkki, Centre for Finnish Media Art.

Actividade subvencionada pola Deputación de A Coruña (Programa de subvencións a entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturales) e coa colaboración do Concello de Corcubión, Radio Neria e Radio Roncudo.

deb3d30cb63e2f5262123bd4eaef07f8_f31907

Advertisement