Borja Ínsua

Exposición Borja Ínsua.

Capela do Pilar de Corcubión

Do 30 de setembro ao 6 de agosto.

De 19:30 a 21:00

.

.

Tallar a vida

As obras de Borja Ínsua latexan. Diríase que son organismos incribles provistos de corazón, arterias e todo o equipamento necesario para a vida. O artista ofrécenos sempre tallas e esculturas de madeira que conservan a concentrada enerxía das árbores que as deron, como se aínda estivesen enraizadas. Obras con longuísimos rizomas que se estenden baixo o mundo, silenciosos. Iso é algo que as fai únicas e verdadeiras. Ser único non é difícil, pero ser verdadeiro é a virtude máis escasa entre os artistas. Porén, é algo que a obra de Borja consegue sen pretensións nin vaidade.

A personalidade do seu creador é tamén a das súas obras. Borja é un artista que se move por impulsos eléctricos, semellantes a aqueles que activan a existencia biolóxica. É por iso que as súas esculturas nos miran fixamente e teñen a capacidade de transmitir máis forza e actividade que moitas das persoas que nos cruzamos a cotío. A arte de Borja nace da profunda e peculiar observación do mundo que fai este mozo da Costa da Morte. Está nos tempos que lle tocaron vivir, pero tamén mira ao herdado: ao pasado, á tradición, ao pobo. Mais non só, pois Borja sabe traer todo iso ao contemporáneo. Procura e atopa a súa propia e persoal linguaxe no pulso acelerado da talla, no tratamento da cor, na expresión e, sobre todo, na mensaxe sempre subxacente da obra, polo xeral crítica. Alén diso, obra e creador reciben numerosas influencias literarias e culturais da máis diversa procedencia. Borja pode atopar un motivo para poñerse a tallar nos versos de Celso Emilio Ferreiro ou no telexornal do mediodía. Nunca sabe que será o que prenda a chispa do seu labor e iso é o mellor. Todas estas características dánlle un valor único ao seu traballo de artista. A tradición pode servirlle de motivo, pero o total da obra nunca está illada no tempo nin no tema: sempre poderemos vernos nela. Por iso os labregos ou mulleres da terra que nos falan nesta exposición non son distintos de nós mesmos a día de hoxe.

A propia escolla do medio, a escolla da talla en madeira, é unha forma de afirmarse o autor como herdeiro dun vello oficio que agora reinterpreta e fai revivir. Artista e artesán, Borja é quen de facer grandes tallas con machados de sete libras ou pequenas pezas con ferramentas mínimas. A expresividade do que crea, a capacidade para emocionarnos e impresionarnos, vén dada polo entendemento natural, case orgánico, do artista coa materia. Así as súas pezas son froito da conversa entre el e a madeira, elemento que coñece ben e no que máis libre se sente dende que comezou a facer títeres e bonecos sendo apenas un adolescente.

Esta exposición contén algunhas das obras máis recentes de Borja Ínsua, pero non son as únicas. O seu taller está repleto de pedazos de vida únicos, fermosos, potentes e máxicos. Agora é un autor xa maduro, co pouso da experiencia andándolle polas veas. Eu só agardo que algún día todo o seu material poida verse xunto, exposto nunha fraga fresquísima, se aínda queda algunha, ou nun souto alumeado polo sol que escorrega entre a follaxe. A vida tallada da súa man non desmerecerá a vida ao redor. Será, simplemente perfecto.

María Lado

Coruxo de moita calor

Vigo

2012

06

03

04

05

1 comments

Deixar un comentario