IV. Cantar Claro: arredor das sabedorías da lingua común

large2Hai conviccións no profundo da súa alma,

baixo o manto de todas as súas crenzas de papagaio,

sobre as que querería edificar a nosa amizade.

(G. Santayana)

É o mesmo Santayana quen nos di en Escepticismo e fe animal: “Teño un gran respecto pola ortodoxia; non por esas ortodoxias que dominan en escolas e nacións concretas e que varían dunha época a outra, senón por certa ortodoxia sagaz que o sentimento e a práctica do home corrente sustentan por todas as partes”.

Parece ser que para erradicar o entendimento común (aquela razón común de Heráclito?) que reinaba en Babel, Yahvé envioulles aos homes un castigo terrible que consistía en volver confusas as linguaxes, privadas, incompatibles, excluíntes. Había que castigar o segundo pecado (Szazs), que non era outro que o de falar claro…

Pois ben, é a intuición desa “certa ortodoxia sagaz” o que nos anima a rastrexala naquelas formas de pensamento onde poida latexar. Linguaxe que nin o progreso nin a técnica poden secuestrar, palabra que ningún elitismo pode sacralizar. Un saber que ninguén descubrirá e que permanece insuperable, para ben ou para mal.

Tamén nos inspira, por que non dicilo, o rexeitamento -inversamente proporcional á nosa simpatía por esa lingua común- da ubicua e excesiva estetización dunha filosofía cada vez máis autorreferencial e paga de si.

Non é o noso asunto saber agora se é que a filosofía non está onde debería; o caso é que máis alá ou máis acá da propia lingua filosófica -en moitos dos casos, atravesándoa- aínda resta linguaxe; indiferente a toda esa literatura que ás veces se nos aparece pouco musical e, quizáis, un pouco triste.

Os IV Encontros de Filosofía na Costa da Morte virarían entón ao redor das virtudes dunha práctica popular cara á que nin o poeta nin o filósofo poderían (ou deberían) ser indiferentes. Un saber da humanidade que non ten equivalencia; aquilo que dalgún xeito se soubo e en ocasións esqueceuse simplemente por motivos prácticos, pero que en calquera caso, non se reduciu aínda a realidade e está aí. 

Enredémonos pois no encontro con estas expresións ou sabedorías da lingua común que latexan por igual tanto na ortodoxia sagaz do home corrente, coma nalgunhas das expresións culturais, filosóficas e poéticas máis refinadas: de Mairena a Weil ou Lispector, de Nietzsche a Novoneyra, de Heráclito a Eckhart.

large3
POÑENTES

large3
PROGRAMA

large3
ARTISTAS INVITADOS

large3
ALOXAMENTO

Deixar un comentario