Festival Artenautas

ARTENAUTA. I Festival Artístico da Costa da Morte.

O FESTIVAL

Artenauta é o primeiro festival especificamente artístico da contorna da Costa da Morte, que nace en Corcubión -nun atípico verán- co obxectivo de dinamizar a vila, inundándoa de diferentes artes. A finalidade non é outra que servir de estímulo, entretemento, reflexión e escaparate de experiencias artísticas para veciños e visitantes, algo especialmente necesario en tempos de pandemia.

Algúns dos obxectivos do festival son:

– Dinamizar a nosa vila cun marco definido de actividades artísticas e culturais que se sucederán en Corcubión durante toda unha fin de semana de agosto.

– Actuar como plataforma para os novos talentos da comarca; achegar o traballo dos artistas consolidados da zona; homenaxear aos nosos artistas de referencia, e coñecer o traballo de artistas doutras comarcas e países.

– Fomentar o interese pola arte e a cultura entre veciños e visitantes.

– Constituir un punto de encontro para amantes da arte en tódalas súas manifestacións.

– Contribuir -cunha oferta cultural e artística propia- á dinamización do turismo da Costa da Morte.

Neste marco daranse cita máis dunha vintena de artistas de diferentes disciplinas: escultura, pintura, mural, fotografía, deseño gráfico, poesía, música, audiovisual, teatro, performances… Eles serán os artenautas, que navegarán polas súas artes convidándonos á participar das súas creacións.

Porque este festival nace fundamentalmente para compartir a arte, e por iso esta espraiarase entre a xente, nas rúas, nos bares, nas prazas, nas paredes e balcóns, no peirao, pero sobre todo, no espírito de todas e todos estimulando os imaxinarios. Porque o festival é ante todo un agasallo para os ollos e as orellas, para as linguas e para os corpos, para o entretemento e para a reflexión; para falar, cantar, mirar e pulular e para activar cada un dos nosos sentidos.

O festival ten ademais un espírito aglutinador e tenta implicar, non só aos artistas, se non tamén a asociacións e agrupacións do máis diverso, ás xentes da vila, sinxelas e variopintas mais con iniciativa. Porque que neste experimento colectivo temos cabida todas e todos.

Froito do entusiasmo e as ganas de actividade que nos deixa este verán da pandemia, e tamén pola imposibilidade de buscar financiación nun prazo tan axustado de tempo, todos os artistas participarán neste festival de balde. O que non supón impedimento para que éste ofreza unha programación completa e variada durante dous días e medio; un programa que responderá ao criterio de “posibilidade”, grazas á arte de sumar enerxía. Con certa premura pola urxencia pero con moito gusto!

Se todos saímos satisfeitos desta experiencia, se cadra, o Artenauta pode chegar a converterse nunha cita regular de referencia no verán.

OS ARTENAUTAS

Artenauta. Neoloxismo creado a partir dos termos Arte e -Nauta (Navegante). Sirve para designar a toda persoa que navega pola arte como medio de vida e como forma para entender o mundo. Os artenautas sirven de estímulo e reflexión á súa tripulación, especialmente nas vilas costeiras.