O Monte Cambeiro. Inverno-Primavera

Un parlamento das cousas

Inverno-Primavera

MONTE CAMBEIRO:
UN PARLAMENTO DAS COUSAS
Venres 15 de Marzo ás 16h no Monte Cambeiro de Amarelle
(en caso de chuvia na sala Museo da Casa da Cultura de Corcubión)

Info: Maria Bella 655110625 de Azul mais Verde
en https://www.azulmaisverde.gal/blog


O próximo venres 15 de Marzo ás 16h convocamos un Parlamento
das Cousas no Monte Cambeiro en Amarelle. Se chove a cita
será na sala museo da Casa da Cultura.
Desde a alianza entre a Asociación Boca de Sapo, a Cooperativa
Azul mais Verde e a AC Universidade Cromática das
Virtudes, co apoio e o acompañamento da Fundación Daniel y
Nina Carasso levamos algúns meses desenvolvendo Terra
Creativa, un proxecto que quere afondar no valor cultural,
social e medioambental do monte autóctono galego desde un
monte deseucaliptizado e en custodia de territorio desde hai
xa cinco anos. Desde a conciencia de que a nosa vida e a
nosa creatividade esta intrínsecamente conectada a dos
nosos territorios, este proxecto habilita un espazo e un
tempo para agrandar esta consciencia.
Entre as colaboracións e propostas que se estan desenvolvendo
en Terra Creativa, a próxima á que convocamos é a celebración
dun Parlamento das Cousas ao que queda invitada a
veciñanza de Corcubión e alén de Corcubión. Unha proposta
artellada polo grupo de innovación docente ACHEGA (Aprendizaxes
Colaborativos, Híbridos e Experimentais de Galicia) da
Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña e para a
que estará colaborando tamén o artista Diego Vites a partir
do que o parlamento congregue.
Un Parlamento das Cousas, das Vidas e das Xentes é o que vai
confabularse o día 15, unha proposta que pretende facer
falar ao monte desde os obxectos que cada persoa asocia coa
súa memoria do monte. Quérese que esta sexa unha congregación
interxeracional, que percorra os distintos momentos
vitais do monte e da veciñanza no monte. Esta forma coa que
facemos preguntas a un espazo natural como é o monte forma
parte dun proceso de Investigación Acción Participativa
(IAP) experimental no que poñemos a proba á noción de Parlamento
das Cousas do investigador social Bruno Latour
Os obxectos, na súa materialidade, teñen o poder de evocar
memorias, de reconvocar emocións, de contar historias e de
reconstruir experiencias individuais e colectivas a partir
da relación entre os obxectos e as persoas que os gardan.
Trátase pois de arrouparse co que a xente recorda e narra da
vida nos montes, unha memoria que pode ser celebratoria (que
se desexa que volva) pero tamen traumática (que hai que
curar ou aprehender para que non volva).
O Parlamento das Cousas, da Vida e das Xentes tenta facer
falar ao monte coa axuda dunha veciñanza transxeracional
e plural.
A forma de participar nesta acción esta por tanto definida,
é sinxela e calquera que o desexe pode sumarse.
Escolle unha “cousa” ou “obxecto material” que estea asociado
coa túa cultura ou vivencia do monte.
O día 15 de marzo ás 16h trae este obxecto ata o Círculo de
Comunidade do Monte Cambeiro en Amarelle (42o 56′ 31.14” N
// 9o 6′ 47.76” O). Se chove, o parlamento será na sala
museo da Casa da Cultura de Corcubión
As cousas que cada quen elixiú traer serán o centro. Cada
persoa terá a oportunidade de mostrar o seu obxecto e compartir
co resto a relación entre este, a súa persoa e o
monte. Con todas as aportacións faremos un “inventario” de
obxectos e memorias.
A actividade será conducida por Elvira Santiago, Carlos Diz
e José A. Cortés do grupo ACHEGA así como por algunhas das
súas estudantes. Acompañando estará o artista colaborador no
proxecto Diego Vites e compañeiros e compañeiras da Asociación
Boca de Sapo e Azul Máis Verde.
Entre obxectos, corpos e palabras, a memoria do Monte
Cambeiro, a memoria de todos e todas, ábrese no presente
para imaxinar o seu futuro.
Se queres que teñamos en conta o teu obxecto e memoria para
este proxecto pero non podes aproximarte ao monte podes
seguir as indicacións que damos neste enlace para enviarnos
o material
https://drive.google.com/file/d/1DKMLXfYJqiR_wQoDauI6enun5DuvSRAk/view
Se queres saber máis sobre terra creativa accede ao noso blog
https://www.azulmaisverde.gal/blog
Se queres saber algo máis sobre o Parlamento das Cousas
podes acceder a este post
https://www.azulmaisverde.gal/post/monte-cambeiro-un-parlamento-das-cousas

QUENES SON OS QUE CONFORMAN ESTA
COLABORACIÓN
ACHEGA, é o Grupo de Innovación Docente sobre Aprendizaxes
Colaborativos, Híbridos e Experimentais de Galicia, constitue
un espazo de encontro, de propostas e iniciativas de
docencia-investigación-acción nas que o alumnado é un suxeito
participante na analise das relaciones entre natureza e
sociedade. Entre as actividades propostas polo grupo destaca
o Obradoiro de Naturezas Híbridas, unha actividade na que,
cada outono, xúntase ao alumnado do grao en Socioloxía para
viaxar, no sentido tanto figurado como literal, a un territorio
problemático. O problema a investigar é o conflito
político-epistémico: como coñecer, entender e intervir o
híbrido, o limiar, o plural, o que non encaixa nas categorías,
o epistemoloxicamente incómodo.
Diego Vites é un artista multidisciplinar. A súa obra
incorpórase no medio dunha multiplicidade de relacións abertas
entre a pintura, a instalación, a acción, a escultura e
o vídeo, nunha construción de realidade deliberada transitada
polas imaxes da Historia do Arte. As súas Instalacións
funcionan como extensións escultóricas da súa pintura, os
seus vídeos como ensaios de composición pictórica e as súas
accións como modos de relacionarse coa produción simbólica
singular do seu entorno. Moitas das súas aproximacións
incorporan unha mirada sensible cara ás culturas ancestrais
e tradicionais dos pobos.
Parlamento das Cousas. A noción de Parlamento das Cousas
esta tomada de Bruno Latour (1947-2022) que foi un pensador
social francés recoñecido polos seus traballos sobre as relacións
entre a ciencia a tecnoloxía e a sociedade, dedicado
ao estudo da dicotomía natureza – sociedade, e creador da
teoría Actor-Rede. Esta teoría considera que as persoas, os
obxectos e os discursos teñen que ser consideradas por igual
na investigación social. É a través das interaccións entre
persoas, obxectos e discursos que nos achegamos á realidade.
No seu libro Nunca fomos modernos, propón o Parlamento das
Cousas, no que son os obxectos os que exercen o poder da
representación.

QUENES CONSTITÚEN A ALIANZA DE
TERRA CREATIVA
Boca de Sapo Comunidade Ecosocial e Cultural
A asociación Boca de Sapo comunidade ecosocial e cultural
nace en novembro de 2017 após un colectivo de mulleres e
homes viran a necesidade de crear un ente útil para a defensa
do territorio, xerar comunidade, demandar e exixir servizos
á nosa comarca así como darlle un pulo á cultura como eixo
de transformación social e de conciencias. Entre as súas
vocacións e obxectivos está tecer rede e xerar sinerxias
para así contribuír activamente a construír e transformar o
mundo que nos rodea desde un pensamento crítico e inconformista.
Azul Mais Verde Coop. Galega
Cooperativa de recente creación cuxos membros teñen unha
longa experiencia no eido da cultura. Situada en Costa da
Morte esta adicada ao desenvolvemento de proxectos culturais
baseados na recuperación e activación da historia e da memoria
dos lugares, a través de procesos participativos. Tamén
promove o pensamento crítico mediante actividades que fomenten
a imaxinación, o facer en colectivo e a escoita activa.
Valora a cultura local e busca formas éticas de actualizala,
fomentando o diálogo entre comunidades temporais que conviven
nun mesmo territorio. Azul Mais Verde desenvolve o papel
de curaduría, coordinación e mediación de Terra Creativa con
todos os axentes do proxecto.

  • http://www.azulmaisverde.gal
    AC. Universidade Cromática das Virtudes
    A “Universidade Cromática das Virtudes” constitúese no 2010
    como asociación que promove iniciativas que xiran en torno
    á organización de actividades culturais de diversa índole
    aberta ás posíbeis propostas que se orixinen ben dende
    dentro, ben dende fóra da asociación, pero sempre no eido da
    comunidade. Preséntase desde a súa fundación como unha comunidade
    aberta, plural, unha agrupación de seres calquera,
    que posúen a característica común da non pertenenza e, polo
    mesmo, da súa condición de se sentiren na casa en calquera
    lugar, como un fogar espiritual e libre de dogmatismos,
    sempre na procura dun pensamento adecuado á leve preocupación
    polas cousas que crea a cor do mar e o aire que se respira
    nas cabezas que se achegan ata ela.
  • whttps://ucdv.wordpress.com/
    Fundación Daniel y Nina Carasso
    A Fundación Daniel y Nina Carasso traballa para transformar
    o modelo da sociedade actual nun máis ecolóxico, inclusivo
    e que permita o desenvolvemento en plenitude. Comprométese
    en dous grandes ámbitos que son a Alimentación Sostible, por
    un acceso universal a unha alimentación sa e respectuosa
    coas persoas e os ecosistemas, e a Arte Cidadá, para o desenvol-
    vemento do espírito crítico e o reforzo da cohesión
    social.
    Acompaña proxectos en Francia e en España, mobilizando recursos
    económicos e humanos, así como desenvolvendo accións
    propias con este fin. Impulsada polo obxectivo do impacto
    social, fundamenta a súa acción na investigación, os saberes
    empíricos, a experimentación, a avaliación e os aprendizaxes
    compartidos.
    Creada en 2010, é unha fundación Grant Maker (exclusivamente
    financiadora de iniciativas de interese xeral), de patrimonio
    familiar, afiliada á Fondation de France. É independente
    de calquera sociedade mercantil.
  • wwww.fondationcarasso.org